jueves, 2 de octubre de 2008

Polo caseiro ao forno, a xeito de labrador

Sempre polas mañanciñas cedo
escoitaba o teu cantar
agora bótote de menos
ao non poderte escoitar.


Ingredientes:
Un polo caseiro de 3 a 4 kilos, unha cebola, 8 dentes de allo, pirixel, aceite de oliva, viño branco do país, salsa de tomate, un pemento vermello, 2 culleradas de manteiga de porco galego, 300 grs de chícharos, 1 kilo de pataquiñas pequenas e sal.

Elaboración:
Nunha cunca bótanse 8 dentes de allo en cachiños miudiños, sal, un chorriño de viño, un chorro grande de aceite, e bastante pirixel moi picadiño, todo ben remexido. Ponse nun recipiente un polo grande caseiro partido ao medio coa pel para abaixo para que non se derrame o adobo (que será o da cunca). Rocíase con el o polo, partido en dous cachos, e deixandoo en adobo como mínimo 4 horas.
Pasado ese tempo cóllese unha tarteira de barro e bótaselle un vaso de aceite engadido a cebola en cachiños miudiños, a salsa de tomate e os dus medios cachos de polo na mesma postura en que estan para que non perdan o adobo. Engádeselle tamén o adobo que quede no recipiente botándollo por riba ao polo. Ponse a tarteira ao forno a 200 g. de temperatura durante 1 hora. Pasado ese tempo sácase do forno e vírase o polo quedando coa pel para arriba. Engadímoslle as pataquiñas e o pemento vermello cortado en cachos e engadimos tamén a manteiga de porco rociándoa pola pel do polo. Mírase de sal e si lle fixera falta botaríaselle sempre por riba das patacas, volvemos a poñer outra vez a tarteira ao forno durante casi 1 hora. Ollándoa para que non se queime. Unha vez xa feito sácase do forno e engádenselle os chícharos polo medio da carne, (que estarán previamente cocidos en auga e sal, deixándoos a repousarde 5 a 6 minutos)quedando listo para servir na mesma tarteira. Que lles faga bo proveito.

1 comentario:

  1. Ola,

    Hoxe fixen a vosa receita cun polo do mercado e bastante máis pequeno (creo que pouco máis de 2 quilos) e quedou riquísima. Só cambiei o tempo de asado e a temperatura e puxen todo na bandexa do forno. Chegou cunha hora a 170 graos. Dille volta aos corenta minutos e xa botei os chícharos cocidos e as patacas que tiñan unha voltiña na fritidora.

    Mollamos o pan na bandexa!

    ResponderEliminar